O municipio de Ares, está situado ao norte da provincia da Coruña, na Ría que leva a súa mesmo nome, entre os 43º 25' e 43º 28' da latitude norte e os 8º 19' e 8º 12' de lonxitude oeste, formando unha península xunto co municipio de Mugardos. Limita ao norte co municipio de Mugardos ao leste con Fene e ao sur co Océano Atlántico.
Ten unha superficie de 18 km2 e a súa poboación divídese en tres parroquias: San Vicente de Caamouco, San Pedro de Cervás e San José de Ares, onde se atopa a capital municipal, Ares. O municipio é un dos de menor extensión dentro da provincia da Coruña, cunha poboación de 4576 habitantes (Censo de 1996), o que lle dá unha gran densidade de poboación, 250,9 habitantes por quilómetro cadrado. Hai dúas zonas ben diferenciadas: a metade oriental non excede os 50 metros de altitude, exceptuando o sector Nordeste onde existen maiores alturas. A metade occidental non mostra moitas diferenzas, pero a súa topografía chaira vese interrompida por unha banda de granodiorita que dá lugar á presenza de Montefaro (262 metros). Desde este podemos gozar dunha magnífica vista panorámica das rías de Ares, Ferrol e A Coruña.
Cartas Naúticas
Admiralty: 1111, 1114 | I.H.M.: 4125, 412A, 412, 929 | SHOM: 6665
Aproximación de Día
A extensa boca (3,2 M) da ría de Ares e Betanzos atópase entre a punta de Coitelada e a de Seixo Branco, orientada aos mares e ventos do cuarto cuadrante. Esta ría divídese en dous brazos: un cara ao S-SE -ría de Betanzos- e outro ao E -ría de Ares-. Este último é o que conduce á entrada do porto de Ares.
Na recalada procédese como segue:
Situados a unha milla ao S verdadeiro do cabo Prioriño Chico poremos rumbo ao 130º ata que deixemos de ver a Torre de Hércules, momento no que iremos metendo pouco a pouco 40º a babor ata ver o final do espigón que protexe o porto ou, se é o caso, a baliza vermella que o coroa, poñendo rumbo entón cara a ela.
A recalada non ofrece dificultade sempre e cando teñamos en conta o baixo e os arrecifes da Miranda, situados a unhas 0,68 M ao S-SW da punta Miranda, e o baixo Catarroso, a 0,1 M ao SSE de punta Cruz. Para evitalos basta con afastarse da costa pouco menos dunha milla para o primeiro e media milla ou menos para o segundo.
Aproximación de Noite
Procederemos de igual xeito tendo en conta o balizamento: Vindo do N navegaremos á procura da luz do faro de cabo Prioriño Chico (DB 5s 36m 23M visible entre 225º e 129,5º) tendo pola popa e como referencia a do cabo Prior (GpD(1+2)B 15s107m 22M). Situados a unha milla ao S verdadeiro do cabo Prioriño Chico poremos rumbo ao 130º ata que deixemos de ver a luz do faro da Torre de Hércules (GpD(4)B 20s 106 m 23M), o máis antigo do mundo en activo, momento no que iremos metendo pouco a pouco 40º a babor ata ver a luz do final do espigón do porto de Ares (GpD(3)R 9s 12m 5M).
(Textos cedidos por TURGALICIA)